O Cambados TM asina unha gran actuación nos autonómicos

tenisdemesa250_090610.jpgSALNÉS> Pontevedra foi escenario do Campionato Galego por equipos, en categoría infantil, así como do autonómico cadete en individual e dobres. Ata alí desprazouse o Cambados TM cunha ampla representación de deportistas que coma sempre acadaron uns bos resultados.

O Cambados Tenis de Mesa continúa a estar entre a élite autonómica logo de que os seus xogadores demostraran unha vez máis a calidade que teñen.

Desta volta, o equipo infantil formado por Martín Regueiro e Iván Lois foi quen de levarse a medalla de bronce por equipos despois de caer no partido de semIfinais ante o equipo local, o Monteporreiro. Logo gañaron na final de consolación ó San Xoán de Ferrol.

Tamén se disputaron os campionatos galegos cadete nas modalidades de individual e dobres. Precisamente nos dobres chegou a mellor nova, a medalla de ouro de Cristina Barreiro e Raquel Martínez que se impuxeron nunha final moi igualada ó San Xoán, por 3-2.

No cadro individual, Cristina levouse o bronce logo de deixar polo camiño á súa compañeira Raquel, nos cuartos de final, noutro partido moi axustado. Raquel Martínez puido quitarse esa espiña cravada no dobres mixto, onde se levouse o bronce xunto co deportista do Oroso, Carlos Domínguez.

O resto de compoñentes do Cambados acadaron na súa maioría as roldas finais aínda que se quedaron sen medalla, moitos porque competían nunha categoría que non era a súa, co ánimo de probarse ante tenistas maiores e outros pola mala sorte en momentos puntuais, caso de Martín Regueiro, que tras ser primeiro de grupo, o cruce non lle favoreceu e caeu ás primeiras de cambio.

Redacción Salnés