As vides de Rías Baixas, en nivel de alerta máxima pola ameaza do mildeu

RIBADUMIA>  A Estación Fitopatolóxica do Areeiro decretou o nivel máximo de alerta ante as condicións ambientais que poderían favorece-la presenza do mildeu. O risco de aparición desta enfermidade é moi elevado, pola combinación de calor e humidade que vivimos estes días. Os expertos recomendan poñer ó día os tratamentos fitosanitarios e tentar que a viña teña a máxima ventilación posible.

As condicións ambientais que se rexistran estes días nas zonas da DO Rías Baixas son moi favorables para a aparición do mildeu nas vides. A combinación de altas temperaturas e humidade levou á  Estación Fitopatolóxica do Areeiro a decreata-lo nivel máximo de alerta ante a posible aparición desta enfermidade. Para facerlle fronte a este fungo, os expertos aconsellan poñer ó día os tratamentos fitosanitarios e garantir que a vide goce da máxima ventilación posible.

Para atalla-lo problema, primeiro hai que detectalo. Para iso,  seica é fundamental ser exhaustivo na revisión dos viñedos. Algo que, na práctica, é máis sinxelo do que pensan moitos viticultores. A pesar das ameazas sanitarias para a vide, este tempo atípico tamén se traduciu nun bo desenvolvemento da uva.

Di a previsión meteorolóxica que a medida que vaia avanzando a semana, en concreto a partir do xoves, as chuvias e a humidade irán desaparecendo, polo que os riscos para a vide iranse reducindo paseniñamente.