Os carniceiros de Cambados estrean novo matadoiro en Sete Pías

    matadoiro100_270608.jpgCAMBADOS > Despois de dous anos de obras, os carniceiros de Cambados xa poden traballar no novo matadoiro de Sete Pías.

    O novo matadoiro de Cambados foi inaugurado esta tarde polo presidente da Deputación, Rafael Louzán e polo alcalde José Manuel Cores Tourís. No acto tamén estiveron os delegados provinciais das consellerías de Medio Rural e Innovación e Industria. O novo matadoiro de gando, situado no polígono de Sete Pías, ocupa unha parcela de máis de tres mil metros cadrados que fora cedida polo Concello cambadés.

    A planta industrial desenvolverá a súa actividade como matadoiro frigorífico con liñas de sacrificio vacún e porcino. Conta tamén cunha depuradora, que garante que as augas vertidas á rede pública de sumidoiros cumpran coa normativa vixente. Ademais das tecnoloxías máis vangardistas, o matadoiro está concibido para o cumprimento estricto das normativas técnico sanitarias, con separación entre circuítos limpos e sucios.

    Os profesionais da asociación de carniceiros de Cambados iniciaron xa nos últimos días as prácticas da nova maquinaria. Durante os dous últimos anos, estes profesionais tiveron que desprazarse ata os matadoiros de Pontevedra e Vilagarcía para sacrificar as reses. O proxecto foi impulsado polo Concello, asumindo o compromiso con tódolos carniceiros de pechar e trasladar as instalacións desde San Tomé ata Sete Pías. A Deputación de Pontevedra tamén achegou unha subvención económica para a obra.

    Redacción Salnés