PONTEVEDRA> O xuízo por branqueo de capitais que sentou na bancada dos acusados a Sito Miñanco, a súa ex muller, a súa ex cuñada, a unha das súas fillas e un empresario acusado de ser un dos seus testaferros, comezou hoxe despois de que quedara suspendido dende o mes de marzo. Despois de escoitar os argumentos das defensas e a resposta do ministerio fiscal o xuíz suspendeu a vista ata o vindeiro luns.
Sito Miñanco chegaba á Audiencia Provincial de Pontevedra compartindo protagonismo con Miguel Rosendo, líder dos Miguelianos. Ámbolos dous chegaron ao mesmo tempo e pola porta principal pasadas as 10 da mañá. Hoxe retomouse o xuízo contra o cambadés por un suposto delito de branqueo capitais, no que tamén se sentan na bancada dos acusados, a súa primeira muller, unha ex cuñada, unha das súas fillas, e un empresario acusado de ser un testaferro.
A vista oral arrincará de cero despois de que transcorresen máis de trinta días desde as sesións de finais de febreiro e principios de marzo, e despois de que fracasasen os intentos de recusación de dous maxistrados da sala pontevedresa. A Fiscalía solicita para Miñanco unha pena de seis anos de prisión e uns 10 millóns de multa, cartos equivalentes a cifra que tería branqueado entre o ano 88 e o 2007 procedente do narcotráfico, mediante a adquisición de inmobles a través da inmobiliaria San Saturnino.
Gonzalo Boye asegura que considera que non se pode volver a xulgar o ocorrido neses anos, e por iso a causa perde todo o seu sentido, pois os feitos previos ocorridos presuntamente entre 1988 e 1999 xa prescribirían. A conclusión final é que non hai motivo ningún para que o seu cliente volveuse a sentar ante o tribunal e, por tanto, debe saír absolto.
O fiscal do caso, Jesús Calles, rexeitou todas as cuestións previas expostas tanto polo avogado do capo galego como polo resto dos acusados. O resto de acusados son Rosa María Prado Pouso, María Rosa Pouso Navazas, Josefa Pouso Navazas; e un empresario, José Alberto Aguín. Todos deberán volver á Audiencia o vindeiro luns 29 de outubro, cando se prevé que declaren.