O Plan de Mobilidade incluirá a peonalización de rúas céntricas

    mobilidade100_020708.jpgVILAGARCÍA > O Concello e diversos colectivos acaban de fixar un paquete de 15 medidas para mellorar a mobilidade na cidade …

    … A mellora do transporte colectivo, a creación dunha patrulla policial en bicicleta, estacionamentos cubertos para bicis e peonalización de rúas, son algunhas das propostas.

    As bases do Plan de Mobilidade de Vilagarcía foron acordadas esta semana no concello, na reunión que mantiveron os edís de Xestión do Territorio e Educación, cos responsables da Policía Local, centros escolares, Arousa en Bici, taxistas e a empresa Pereira. Son en total 15 medidas. Polo que respecta ó tránsito de peóns, proponse construír e mellorar as beirarrúas nos accesos ós colexios, limitar a 50 quilómetros por hora a velocidade máxima polas vías urbanas, e peonalizar rúas céntricas como Castelao, Rei Daviña e as circundantes á Praza de Ravella.

    Para desconxestionar o tráfico rodado proponse potenciar o transporte público e colectivo creando, por exemplo, unha liña directa co Hospital do Salnés. Outra medida sería crear zonas amplas de aparcamento na periferia e a implantación da Zona 30 en todo o centro urbano. Tamén se potenciaría o uso da bicicleta como transporte alternativo na cidade. Para iso continuaríase o carril bici ata o Rial, habilitaríase un estacionamento cuberto, un parque municipal de préstamo gratuíto, e mesmo se crearía unha patrulla policial en bicicleta para as praias e zonas peonís.

    A mobilidade nos polígonos ou a execución da Senda Verde entre Carril e Bamio tamén figuran nas bases do futuro plan, que redactarán os servizos técnicos do Concello. Unha actuación que se financiará con cargo ó proxecto Arousa XXI.

    Redacción Salnés