A Xunta licitará este ano a mellora da estrada Portonovo-A Lanzada

    estrada_lanzada100.jpgSANXENXO> A Xunta de Galicia licitará antes do verán a mellora de seguridade viaria na estrada PO-308 que une Pontevedra coa Lanzada.

    As obras desenvolveranse nun treito de 9 quilómetros e medio entre Portonovo e A Lanzada, no municipio de Sanxenxo. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se declara de utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados.

    A Consellería de Medio Ambiente xustifica a urxencia da ocupación dos terreos pola necesidade de reducir as zonas de conflito potencial, principalmente en interseccións e enlaces, nas travesías e zonas periurbanas e tamén en treitos urbanos, e proporcionar as mellores condicións de visibilidade posible.

    O obxecto deste proxecto será construír unha sección con dous carrís de circulación de 3,5 metros cada un e beiravías dun metro a ambos os lados da calzada. Tamén se construirán carrís centrais de espera para permitir xiros de sentido, e glorietas en puntos de intersección de tráficos.

    O límite de velocidade para os vehículos que circulen por esta vía establecerase ao remate das obras en 60 quilómetros/hora. Tamén se proxecta unha senda peonil ao longo de todo o treito. As obras terán unha duración de 18 meses.

    Redacción Salnés