Absolto RFB, o vilanovés acusado de branqueo de capitais

    O SALNÉS> Un veciño de Caleiro-Vilanova, RFB, de 34 anos, ven de ser absolto dun delicto de branqueo de capitais;

    {flowplayer}images/salnes/sentencia_branqueo_ribadumia.flv{/flowplayer}

    …para o que a Fiscalía reclamaba cinco anos de prisión e 125.000 euros de multa. No xuízo, que tivo lugar o día dezaoito do pasado mes de outubro na Audiencia Provincial de Pontevedra, a Fiscalía asegurou que este arousán mercou un piso de case 90 metros cadrados, con garaxe e trasteiro en Barrantes, situado enriba dunha coñecida cafetería que hai na Travesía de Bouza Martín no ano 2007, con cartos procedentes do tráfico de drogas.

    O acusado asegurou daquela que a compra fora feita grazas ós seus aforros e á axuda dos seus pais. A Fiscalía dá por certo que o acusado era reincidente no tráfico de drogas; delicto polo que xa estivera en prisión e polo que foi detido posteriormente dúas veces; unha delas cando presuntamente facía de intermediario para a venda de cocaína en Boiro; e noutra cando circulaba nun vehículo como “lanzadeira”, o vehículo que vai antes doutro que si porta droga.

    Finalmente a Fiscalía non puido demostrar que os cartos cos que pagaba o piso e os que ingresaba periodicamente nas contas de seus pais procedesen de actividades ilícitas. Un punto que xa negara o arousán na vista, asegurando, tanto el coma a súa familia, que os cartos que posuía procedían do seu traballo como camareiro nun bar e da súa actividade como mariscador furtivo, ámbalas dúas ingresadas en B. A sentencia non é firma e contra a mesma cabe un recurso de casación ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo.

    Redacción Salnés