Gallaecia cata os viños Rías Baixas que incluirán na súa guía

    sumilleres_100.jpgPONTEVEDRA > 28 catadores da Asociación Galega de Sumilleres, Gallaecia, elaboraron ó longo desta mañá os perfís aromáticos dos caldos Rías Baixas.

    Unha cata anual que a agrupación leva a cabo nas cinco denominacións de orixe galegas, e tamén nas augardentes, para seleccionar os mellores caldos da comunidade que serán premiados coas Distincións Gallaecia, e incluídos dentro da Guía de Viños, Augardentes e Adegas de Galicia na edición deste ano.

    A desta mañá foi unha Cata Prima da que sairán elixidos unha trintena dos mellores caldos da denominación de orixe Rías Baixas, entre as 108 adegas que se presentaron ó certame. Os caldos son na súa maioría monovarietais de Albariño Rías Baixas, aínda que tamén hai seleccións de anada, Rosal ou Condado.

    As impresións dos catadores, xa na primeira parte da criba, confirman a boa calidade da última colleita, a do 2007. Os caldos seleccionados hoxe pasarán a unha cata final, na que se volverán a valorar aspectos coma o da súa pureza, persistencia, aroma, equilibrio ou a súa fase visual.

    Redacción Salnés