BOIRO> Foi no marco da denominada operación ‘Portal Two’ e saldouse coa detención dunha parella, acusados dun presunto delito contra a saúde pública.
A Garda Civil de Boiro desartellou un punto de venda e distribución de droga no marco da denominada operación ‘Portal Two’. Na mesma detívose a dous veciños da localidade, ó parecer parella, acusados dun presunto delito contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de drogas.
Segundo informaron fontes policiais a operación iniciárase xa o pasado mes de setembro, unha vez se tivo coñecemento da posible existencia dun punto de venda de substancias estupefacientes nunha vivenda da localidade.
Unha vez localizado o inmoble onde presuntamente se realizaban as transaccións e tras recadar as evidencias pertinentes, a Garda Civil solicitou á Autoridade Xudicial unha orde de rexistro no domicilio.
No interior da vivenda os axentes atoparon 65 doses de cocaína, 9 doses de heroína e 718 comprimidos de metadona.
Tamén lle interviñeron uns 3.275 euros en moeda fraccionada, dúas balanzas de precisión e diversos útiles para a manipulación das substancias.
Os dous prendidos xa pasaron a disposición do Xulgado Número 3 de Ribeira.