O Extrugasa visitará ó Gran Canaria no seu debut ligueiro

extrugasa250_150708.jpgSALNÉS > O Extrugasa coñeceu onte o calendario de Liga que vai ter que afrontar este ano. As vilagarciáns comezarán a competición en As Palmas e debutarán na casa ante o Celta.

Bo calendario a priori o que ten o Extrugasa este ano, canda menos moito mellor que o do ano pasado se unimos Liga e Eurocup.

Van ter menos viaxes traumáticas; poderán enlazar os seus desprazamentos de maneira máis cómoda.

A liga abrirase o sábado 4 de outubro, 23 días antes que o ano pasado. As de Isaac Fernández farán de primeiras o viaxe máis longo de toda a temporada, o que teñen que facer ata As Palmas para xogar co Gran Canaria. Catro días despois, en mércores, o Celta Vigourban será o primeiro equipo en visitar Fontecarmoa; xa o fixo o ano pasado no partido inaugural e levouse a victoria por once puntos de diferencia, pero por aquel entón Kiesha Brown e Marina Kress aínda non se incorporaran ó plantel vilagarcián.De tódolos xeitos seguro que as viguesas queren vinga-la eliminación da Eurocup do pasado mes de maio.

O bo desas primeiras xornadas de liga é que os cocos quedan para o final. O primeiro rival dos que se antollan fortes chegará na cuarta xornada, o Ibiza. As últimas tres, sí que serán de órdago e pode que moi duras ó final de liga se é que o Extrugasa se xoga algo a última hora: virán seguidos San José, Perfumerías Avenida e Ros Casares.

En canto ás viaxes, o debut en competición europea será en casa, e o partido previo tamén. Viaxarán despois a Zaragoza e dende alí a Tarbes, en Francia, polo que lle queda máis preto que se o tiveran que facer dende Vilagarcía. A Coimbra tamén irán despois de xogar coma locais.

Sorteos e emparellamentos foron ata o de agora benévolos. Haberá que aproveitar esta sorte para colleitar cantas máis victorias posibles na cancha.

Redacción Salnés