![]()
SALNÉS > Volve o fútbol despois de case dous meses sen competicións nin adestramentos. Os primeiros en facelo foron onte o Arousa e o Portonovo, mentres que o Vilalonga fixo unha sesión curta e foi presentado en sociedade.
Deuse xa o pistoletazo de saída a unha temporada que promete ser tan dura como a anterior. Agora agarda un celendario cheo de adestramentos e tests preparativos de pretemporada para ir collendo o ton físico adecuado para o primeiro partido de liga.
E onte foi a primeira toma de contacto. Unha delas no Manuel Jiménez de Vilagarcía, onde o plantel do Arousa exercitouse ás órdenes do preprarador físico Carlos Coira. Déronlle-la benvida ós xogadores unhas series curtas de carreira e exercicios de lumabares e abdominais. Juan Laxes supervisou o traballo dun plantel no que as pezas clave do ano pasado continúan, entre elas Carlos Padín e que ten as caras novas de Miguel, Dani Conde, Moncho, Luis Alberto e Hugo Soto, ex do Pontevedra B.
Tamén voltou ós adestramentos, con novidade no banquiño, o Portonovo. Piscis deixou o seu posto a Milucho, que reuniu a 26 homes no campo da Lanzada para comezar co traballo. As novidades máis resaltables son as fichaxes de Moisés, Castilla, Javi Millos e Álex que serán 4 dos 17 nomes do primeiro equipo, xa que preténdese completar o plantel con xogadores da canteira.
No día da súa presentación o Vilalonga tamén se exercitou, aínda que a vista estivo posta no novo adestrador Gabi Leis. O técnico reuniu ó plantel no vestiario onde mantivo unha charla con eles e lles fixo ver cales serán ós seus métodos de traballo. Onte outra cara nova, a do ex preparador do Portonovo, Ezequiel Rei, levou o peso da primeira sesión. Precisamente o Vilalonga xogará ante o Céltiga o primeiro encontro e pretemporada, o sábado ás 6 e media en Moraña, no Trofeo Carneiro ó Espeto.
Redacción Salnés








