Williams deixa o Cortegada por problemas nos xeonllos

VILAGARCÍA> Ernie Williams non volverá ó conxunto vilagarcián tralas vacacións de Nadal. Os seus médicos en Estados Unidos aconsellaron a aleiro parar de xogar durante os próximos meses por problemas nos xeonllos. O Cortegada busca xa un recambio para esta importante baixa.

Sorpresa en Fontecarmoa. Un dos piares do equipo que camiña terceiro na táboa en LF2, abandona o club. Despois do derradeiro partido ante o Cáceres, plantel e corpo técnico tomáronse unhas merecidas vacacións e Ernie Williams fixo as maletas para Estados Unidos. Dende alí, días despois, a directiva do Cortegada recibía un correo electrónico no que a aleiro americana comunicaba que non voltaría a Vilagarcía.

Williams foi fichada aínda cando se coñecían os seus problemas nos xeonllos, dos que xa foi intervenida cirúrxicamente. Problemas que padeceu en silencio durante boa parte da primeira volta. Na súa visita rutinaria ó médico en Estados Unidos, este obrigoulle a descansar durante uns meses senón quería ver agravada a súa doenza.

A americana disculpouse coa directiva, que aínda que recibe con tristeza a nova pola saúde da xogadora e pola perda deportiva que a súa baixa supón, tampouco quere dramatizar, sobre todo dada a boa situación que o club atravesa este ano a tódolos niveis.

Sen Ernesia Williams o Cortegada perde a unha xogadora referente, que podía actuar de aleiro ou de ala-pivot, a máxima anotadora do equipo e segunda xogadora nos apartados de minutos e rebotes.

O adestrador Pepe Vázquez e o seu segundo, Nacho Rebollo, reuniranse mañá co vicepresidente José Antonio Gorgoso para analizar a situación. O club busca xa unha substituta entre as xogadoras que quedaron este ano sen equipo. O que teñen claro é que non será americana, polo prezo da licenza, que desaxustaría o presuposto feito para esta temporada. Buscarán no mercado español e comunitario.

Redacción Salnés