Gaña o Arousa e empata o Vilalonga no arranque da pretempada

futbol_100.jpgSALNÉS > O Arousa gañou ó Ribadumia e o Vilalonga empatou co Pontevedra nas súas citas de pretempada disputadas esta pasada fin de semana. Ambos equipos deron boa imaxe, sobre todo o Vilalonga, pese a perder na tanda de penaltis o Trofeo InterRías.

Os vilagarciáns xogaron no Manuel Jiménez, debido ó mal estado do céspede da Lomba. Neste partido gañáronlle por tres goles a un ó Ribadumia. O protagonista foi Roberto, que marcou os tres tantos locais. A pesar do marcador final, ós de Juan Laxes custoulles coller o ritmo do partido, a defensa do Ribadumia apenas lle deixou oportunidades ó Arosa para marcar na primeira media hora, pero todo cambiou ó entrar no terreo de xogo Roberto. A vindeira fin de semana o Arousa medirase ó Estradense.

Pola súa banda, o Vilalonga deu unha boa imaxe en San Pedro na difícil papeleta que tivo co Pontevedra. O partido acabou con empate a un gol, o dos locais marcado por Luismi. Na tanda de penaltis, os de Gabi Leis non tiveron a sorte do seu lado e o Pontevedra adxudicouse o Trofeo InterRías. O próximo rival da pretempada será o Deportivo B.

Redacción Salnés