O Coruxo, campión da exitosa I Copa Real Federación Española de Fútbol Praia

SANXENXO> Vitoria galega na primeira Copa Real Federación Española de Fútbol. O Coruxo, anfitrión do torneo, conseguiu o título tras vencer ao Levante na final de onte. O conxunto valenciano rendeuse ante o bo xogo dos vigueses, que deixaron o marcador 2 a 6. O bo tempo tamén animou o encontro: veciños e turistas achegáronse a seguir o partido que pechou esta primeira edición da copa.

 

Na praia de Silgar, o Coruxo declarouse campión da primeira Copa Real Federación Española de Fútbol. Os vigueses, a única representación galega no torneo, conseguiron o título cunha vitoria contundente sobre o Levante: 2 a 6.

Do encontro destacou un gol de chilena do xogador internacional, nas filas do Coruxo esta fin de semana, Ramiro Amarelle que, ademais, foi nomeado mellor xogador do torneo.

O torneo arrancou o xoves e contou coa participación de oito equipos de toda España. Veciños e turistas gozaron co espectáculo ofrecido polos xogadores, abarrotando as gradas e a zona do paseo marítimo.

Tamén quedou satisfeita a Federación Galega de Fútbol, principal organizador do evento. Tanto que o seu presidente xa anunciou a súa intención de repetir con outro torneo deste deporte na praia de Silgar.

O terceiro e cuarto posto disputárono o Fútbol Playa Huelva e o Valencia, encontro que rematou cun resultado favorable para os andaluces, que deixaron un 7 a 6 no marcador.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/31/resultados_futbol_praia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/31/resultados_futbol_praia.mp4{/flowplayer}