Mal arranque da campaña do bou de vara en Rianxo

RIANXO> As escasas capturas, a excepción da volandeira, fan augurar un mal ano para os mariñeiros que se dedican a esta arte na ría de Arousa.

En Rianxo un dos principais portos da Arousa con barcos censados que se dedican a esta arte, non as teñen todas consigo. A volandeira segue a ser a principal especie e a que salva un pouco a campaña. No primeiro día capturáronse uns tres mil quilos, cun prezo medio que rondou os dous euros con trinta e sete céntimos. Na xornada deste martes apenas 800 quilos, debido tamén o mal tempo, e de que moitas embarcacións xa non saíron a traballar polos avisos de temporal no mar. A actividade veuse ademais condicionada neste inicio da campaña polo peche de dúas das principais zonas de traballo a consecuencia dos elevados niveis de chumbo.

O resto de especies apenas tiveron incidencia na rula rianxeira. No primeiro día de actividade 118 quilos de chopo  cun prezo medio de dez euros con trinta e cinco; 430 quilos de faneca a 1’88 de prezo medio; 40 quilos de nécora a 15´44 e 13 quilos de polbo a dez euros con quince de media.

A maioría dos mariñeiros mostrou tamén a súa disconformidade polo feito de prohibirlle, despois de ter capturado os topes de volandeira na zona aberta, poder desprazarse a outras áreas para seguir traballando con coutras especies.

A pesar de que aínda é moi cedo para sacar conclusións, ó atoparnos nos primeiros días do inicio da campaña, todo apunta a que será un mal ano para a flota do bou de vara que deberá prolongar a súa actividade ata marzo.