Polémica na Pobra polo depósito de residuos de luminarias en San Alberto

POBRA> O PP da Pobra presentou un escrito no concello solicitando información sobre a xestión dos residuos das luminarias que apareceron depositados no monte de San Alberto, en Ribeira. O rexedor pobrense explicou que a responsabilidade foi da persoa que recolleu a chatarra no municipio que xa procedeu á retirada dos entullos.

A aparición de numerosos residuos de farolas procedentes da Pobra no monte de San Alberto desatou o malestar social. Precisamente foi a propia veciñanza quen denunciou a existencia deste vertido ilegal que a día de hoxe xa foi retirado polo seu presunto autor.

O alcalde da Pobra confirmou a procedencia destes residuos que foron recollidos por un chatarreiro na escola vella do Camiño Ancho, previo permiso do concello. O Partido Popular sumouse ás críticas pola mala xestión dos residuos que podería derivar nun delito medioambiental.

Pola súa banda, o concello de Ribeira puxo os feitos en coñecemento da policía autonómica para que inicie unha investigación que podería derivar nun expediente sancionador. O presunto infractor xa foi identificado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí