VILAGARCÍA > No fútbol sala non comezou a liga, aínda que está a piques de facelo. Dúas semanas lle quedan ó Grupo Junquera para mellorar a imaxe amosada esta pasada fin de semana, na que caeron goleados ante un rival que milita nunha categoría inferior a eles.
Ninguén agardaba un resultado así no seno do Grupo Junquera. 1-6 ante o Mexillón de Ouro, un rival que vai xogar este ano en Liga Autonómica.
Aínda que se sabe que no fútbol sala os resultados poden ofrecer unha visión irreal do sucedido sobre o terreo de xogo, a imaxe que deixaron os de Diego Mollinedo foi preocupante.
O peso do encontro levárono de novo os vilagarciáns, tocando unha e outra vez o balón e intentando atopa-los espacios necesarios para crear perigo. Pero a defensa rival traballou como un auténtico bloque, case sen fisuras e moi pechada atrás, sobre a liña de nove metros.
Ante esta situación, comezaron as presas, intentouse xogar ó límite e así chegaron os erros nos pases, as imprecisións e polo tanto os roubos dos xogadoes rivais, que fixeron unha lectura moi boa do encontro intentando aproveitar as súas saídas rápidas dende atrás, buscando as contras. Así as cousas, 0-2 e ós vestiarios.
Na segunda metade semellou que podía chegar a reacción por parte do Grupo Junquera cun gol de Kinso que reducía diferencias, pero nada máis lonxe da realidade.
Cos mesmos argumentos que no primeiro tempo o Mexiillón de Ouro foi abrindo diferencias, con moito acerto na portería rival para acabar vencendo por un contundente 1-6. Moito terán que mellorar os de Diego Mollinedo, que tras deixar moi boa imaxe nos primeiros encontros de pretemporada, agora sembran algunhas dúbidas.
Quédanlle dúas semanas escasas, ata o sábado 13, para pulir erros; ese día comeza a liga recibindo en Fontecarmoa ó Fisterra. Antes, este sábado visita ó Azkar B, conxunto de Nacional A nun partido que podería servir para retoma-la dinámica positiva.
Redacción Salnés