Os cadetes de Amegrove probarán sorte no banco móbil

O GROVE> O equipo cadete do club de Porto Meloxo non cede na súa pretensión de facer historia. Logo de proclamarse esta temporada campións de España de bateis e de banco fixo do Mediterráneo, agora irán a polo nacional de banco móbil.

Téñeno claro, queren ir a polo triplete. O equipo cadete de Amegrove-Interrías está a deixar a todos coa boca aberta non só cos seus excelentes resultados, senón coa seu inconformismo e a súa ambición.

Todo comezou no mes de febreiro, cando coas primeiras regatas de bateis xa demostraron a súa superioridade sobre o resto de embarcacións galegas, algo que lles servíu para acudir ó nacional que se disputaba en Ferrol. Alí festaxaron o título de campións de España xunto ás promesas femeninas.

Ese debía ser o punto e final da súa temporada, pero decidiron continuar e probar sorte no Campionato Nacional de banco fixo do Mediterráneo. A bordo dun llaüt, unha embarcación que nunca antes viran, bastáronlle dúas regatas para remar máis rápido que o resto de tripulacións levantinas e alzarse co título na Linea da Concepción. Visto o éxito, quizais por iso agora buscan o asalto ó banco móbil, que vivirá os seus nacionais do 8 ó 10 de xullo en Castrelo de Miño, en Ourense. Unha modalidade diferente do remo, a máis coñecida a nivel internacional e que ademais é olímpica. Por iso, se cadra, será moito máis complicado acadar un bo resultado. Mediranse ós mellores de España que lles levan anos de vantaxe en adestramentos nesta disciplina para a que eles terán un mes escaso de preparación. Ademais de que a longa temporada pode pasarlles factura a nivel cansancio.

En calqueira caso, participarán na modalidade 8 máis timonel, unha embarcación que tamén terán que pedir prestada. Estarán acompañados polo equipo promesa campión de España que actuará nun 4 scull.

A directiva do club, encabezada por Manuel Fandiño e Diego Portela, non dubidou en apoiar ós rapaces nesta nova aventura. Ó tratarse dun desprazamento curto os custes son asumibles.

Redacción Salnés