Máscaras…. fóra chupetes… e a xogar!

O GROVE> Bolas disparadas a unha velocidade de ata 92 metros por segundo… Aquí gaña quen elimina a tódolos integrantes do equipo contrario. O sinal: un impacto de cor… Estamos no Grove, no campo de paintball máis grande que existe en Galicia e o único con licenza medioambiental concedida pola Xunta. Xestionado pola empresa Adrenalicia, dispón de cinco campos de xogos con diferentes escenarios abertos a todo tipo de propostas e capacidade para 70 xogadores en competición simultánea… O divertimento é a faceta do paintball que máis sona veu acadando nos últimos anos pero, se algo caracteriza a esta práctica é a súa capacidade para xerar sentimento de equipo. Puidérono comprobar algúns dos xogadores do Unión Grove, que hai uns días afinaron puntería, desta volta coas marcadoras, como convidados de excepción de Adrenalicia. A empresa patrocina esta tempada por primeira vez ó equipo. A meirande parte deles collía por primeira vez unha marcadora, co que ó inicio da actividade, foi preciso ter claras as normas básicas: máscaras en todo momento mentres se estea dentro do campo, marcadoras con seguros postos ó abandonar o recinto de xogo e para saír, marcadora arriba. Adrenalicia é distribuidora tamén do material de paintball e a única empresa que emprega bolas de pintura biodegradables, co que o impacto no medio é nulo. Iso si, é aconsellable disparar a unha distancia mínima de catro metros. Porque malia ser bolas de pintura, o seu impacto pode causar importantes moratóns… Kosovo e Vietman foron os escenarios que probaron os xogadores do Unión Grove, todo un exercicio de estratexia que implica tamén un elevado esforzo físico, de feito fóra de España, en Europa e sobre todo Estados Unidos, trátase dunha práctica deportiva de competición. Un adestramento diferente pero que non lles librou da sesión en campo. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/08/reporpaintballuniongrove.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/08/REPOR_PAINTBALL_UNION_GROVE.mp4{/flowplayer}