Non hai solución polo de agora ó conflicto do sector mexilloeiro

    cocedeiros_100.jpgSALNÉS > Continúa o conflicto xerado no sector mexilloeiro que supón un parón na extracción de producto para fábrica.

    A última volta de torca é que hoxe non saíron a traballar os productores para factorías do sector minoritario, posto que os cocedeiros botáronse atrás nos seus pedidos, por indicación directa da Consellería de Pesca. Con esta medida a Consellería pretende gañar tempo namentres non se chega a un acordo entre Pladimega e a asociación minoritaria; ó tempo que evita os piquetes que de seguro se ían a producir nos peiraos galegos.

    Nas últimas reunións xestionadas polo departamento autonómico entre as dúas partes implicadas, non se chegou a acordo algún. A última deles tivo lugar esta mediodía en Santiago e nela interviron cadanseus cinco representantes de cada unha das entidades: partidarios e detractores da central de vendas. Despois desta última xuntanza a solución parece estar aínda moi lonxe; namentres os ánimos se caldean cada día máis.

    As asociacións non partidarias de formar parte na nova plataforma de vendas, ca asociación Virxe do Rosario á cabeza, asegura que van a volver intentar cumprir co seu dereito constitucional de exercer o libre comercio da súa producción o próximo luns, para o que piden a protección da Subdelegación do Goberno e da propia Consellería de Pesca.

    Pola súa parte, a Plataforma de Distribución do Mexillón Galego propuxo na reunión mantida hoxe na Consellería de Pesca que o reparto da producción se realice tendo en conta o número de bateas que posúe cadaquén, tanto para o mexillón en fresco como para o destinado a fábrica. Pladimega asegura que esto non significa que desbote a idea de aglutinar no seu seo á totalidade do sector. Simplemente se trataría de acadar un acordo que permita retomar a actividade mentres as conversas con Arousa Norte e Virxe do Rosario non dan o froito desexado.

    Postura dos cocedeiros

    Pola súa banda os cocedeiros seguen mantendo reunións cas dúas partes implicadas no conflicto para intentar chegar a un acordo con ámbalas dúas, tal e como declarou o presidente da Asociación de Cocedeiros, Serafín Santorum. Esta situación de paro prolongado está a supoñer un total desabastecemento para os cocedeiros que soportan varias semanas de inactividade, que repercutirá directamente a toda a cadea de producción vinculada ó mexillón; e, principalmente, ós elos máis débiles da cadea.

    A maiores, os cocedeiros pensan que a actuación da Consellería de Pesca chega tarde, e só vai a atrasar uns días os conflictos.

    Redacción Salnés