Varias confrarías volven hoxe a traballar

    dv_773_-_foto_cambados_100.jpgO SALNÉS > Esta tarde varias confrarías reanudaron a súa actividade tralo paro motivado, entre outras cousas, pola escalada de prezos do combustible.

    Un exemplo desta volta á actividade atopámolo en Cambados, onde xa partiron aproximadamente os primeiros 20 barcos do cerco e do enmalle. Esta decisión de volver á saír o mar prodúcese trala comunicación desta mañá da Federación Nacional de Confrarías dos principios de acordos ós que se chegaron onte co Director Xeral de Recursos Mariños do MAPA en cuestións como ás subvencións á gasolina, axudas ós paros biolóxicos, ás comercializacións ou mesmo á competitividade da pesca. Unha proposta que será explicada ó detalle este sábado ó total das confrarías e trala que se deliberará sobre a súa idoneidade e se vixiará de preto o seu cumprimento.

    Unhas medidas, que porén, nos satisfixeron a voceiros da Federación Nacional de Confrarías, como é o caso do Patrón Maior de Cambados, Benito González Sineiro; quen asegurou que esta volta ó traballo se debe máis ó acordado pola maioría que polo seu propio convencemento.

    Estes barcos que saíron hoxe de Cambados traerán mañá peixe á lonxa local, que presumiblemente, se venderán nesta mesma rula ou que se exportarán algúns quilos de sardiña e xurelo á Portugal, onde xa desconvocaron a folga dos transportes. E esta folga dos transportes, xunto co feito de que mañá xa é venres, fixo que moitas confrarías das Rías Baixas, como a da Illa, Vilanova ou Carril agarden ata o luns para volver a traballar.

    Segundo os datos oficiais da Consellería de Pesca, o 22,22 da flota de baixura saíu a traballar hoxe en toda Galicia; o que se traduce en catro lonxas abertas hoxe na provincia da Coruña, oito en Pontevedra e ningunha en Lugo. No tocante ás embarcacións de máis de 15 metros de eslora que faena en caladoiro nacional, en altura e gran altura hai un 26,88 por cento que traballou nesta xornada; o que supón un total de 168 barcos dos 628 con base en portos galegos; o que supón un 0,43 por cento menos que onte.

    Redacción Salnés