A Mancomundiade do Salnés podería depender de novo de Carlos Viéitez

MEIS> En Meis, o PSdeG celebra a súa maioría absoluta. Marta Giráldez encara o seu segundo mandato aínda coa incerteza de quen liderará a Mancomunidade do Salnés. Di que antes de postularse para repetir como presidenta, primeiro ten que reunirse co seu partido. Confía en que Veciños de Meaño, que podería te-la chave do organismo provincial, decante a balanza ao seu favor.

En Meis non hai dúbidas: o Partido Socialista gobernará os vindeiros catro anos cunha maioría absoluta de seis concelleiros. A incógnita nestes momentos está na Mancomunidade do Salnés. Un axustado resultado entre PP e PSOE mantén sen despexar quen vai encabeza-lo organismo comarcal. A actual presidenta, a alcaldesa meisina, confía en que a balanza acabe inclinándose ao favor da súa formación. Todo dependerá, de novo, de Carlos Viéitez, agora de Veciños de Meaño. Á espera do que poida pasar, Giráldez non dará un paso á fronte ata consensualo co partido.

Sobre os resultados acadados o pasado domingo no seu concello, Giráldez celebra que este será un mandato aínda máis tranquilo que o anterior, no que o seu executivo vai gañar estabilidade.

Entende que en xeral, a veciñanza valorou o seu traballo. Salienta o bo resultado en Paradela, a súa parroquia natal e tamén a da candidata popular. Con todo, recoñece outras zonas onde non acadaron o resultado agardado. Di que toma nota.

A socialista traballa xa no deseño do seu novo executivo, cun reparto de competencias agora máis equilibrado, ao gozar dun concelleiro máis.