![]()
SALNÉS > Fin de semana complicada a que lles espera ós equipos do Salnés xa que se enfrontarán a catro dos cinco primeiros clasificados na xeral. Especial interese ten o encontro que Vilalonga e Ourense disputan mañá pola tarde en San Pedro.
Os conxuntos que mellor arrancaron neste inicio de temporada serán esta fin de semana os rivais dos equipos do Salnés.Vaia papeleta.
San Pedro recibe ó terceiro clasificado, o Ourense, no partido que abre a cuarta xornada, mañá ás 18:00. Con este, o equipo de Gabi Leis pechará un arranque ligueiro no que se enfrontou ós catro candidatos máis claros a estar na fase de ascenso a final de temporada: Narón, Cerceda, Compostela e agora Ourense. Ata o momento sumou cinco puntos que ben puideron ser os nove, porque méritos non lle faltou. Coa mesma humildade e intención de vencer recibirán ó cadro vermellón. Sarró e Alex Gómez son baixa nos celestes mentres que o Ourense recupera ó mediocentro Roberto Dacosta.
O Céltiga será o segundo en xogar nun partido adiantado ó domingo ás 12:00, no García Calvo ante o Negreira, quinto na táboa. Os de Josiño xa espabilaron despois de vencer no derbi da semana pasada e seguro que terán opcións ante un Negreira que pese ós seis puntos que suma na táboa, non amosou unha gran imaxe nos encontros que disputou.
Precisamente a boa imaxe será o que intentará recuperar o Arousa o domingo ás 17:30 na Lomba ante o líder Santa Comba. Os de Laxes teñen que comezar a sumar xa se é que non queren sentir as presas e os nervos. O rival mete medo; fixo oito goles en tres partidos ante rivais que se lles presupón dos fortes.
Un deles o Alondras, rival o domingo do Portonovo, ás 17:00. Os de Milucho son pechacancelas e o Morrazo non é o campo máis adecuado para cambiar esa situación. Ó conxunto cangués só lle fixeron falta dúas semanas para demostrar o gran arsenal ofensivo do que dispón, cun Santi Domínguez xa recuperado e marcando goles e unha liña medular moi xoven e repleta de xogadores con calidade.
En Preferente Autonómica destaca o derbi que van disputar en Monte da Vila Unión do Grove e Sanxenxo, o domingo ás 17:30 mentres que o Ribadumia recibe á mesma hora na Senra ó Marín.
Redacción Salnés






