A Basket Cup continuará a celebrarse en Vilagarcía

basketcup250_031109.jpgSALNÉS> A edil de deportes de Vilagarcía Victoria Hierro e o presidente do comité organizador da Basket Cup, Alberto Blanco, mantiveron onte unha xuntanza na que trataron a continuidade do torneo na capital arousá. Ambas partes semella que xa chegaron a un acordo polo que a celebración do torneo non periga.

Tras meses de polémica e incertidume hoxe pódese dicir que a Basket Cup continuará a celebrarse en Vilagarcía. Onte pola noite reuníronse Victoria Hierro e Alberto Blanco para tratar o asunto e as posturas achegáronse.

Dende o comité organizador implorábase unha involucración maior do concello co torneo, e dende Ravella están dispostos a facer o esforzo, posto que a dimensión deste acontecemento trascendeu do deportivo nos últimos anos.

Segundo o falado, o goberno local estudiará nos vindeiros días diferentes aspectos organizativos, tanto económicos, xa que é necesario inclui-las axudas nos orzamentos do vindeiro ano e aprobalos, como loxísticos.

A intención é asinar un convenio que podería producirse en quince días, que dará paso a creación da Fundación Vilagarcía Basket Cup. Esta comisión estaría formada no seu 50% por membros do comité organizador, outra parte con representantes do concello e unha terceira na que estaría situada o principal patrocinador, Caixanova. O convenio sería multianual, cunha duración que podería rondar entre os 3 e os 5 anos nos que quedaría garantida a celebración da VCB.

En canto a Fexdega, unha vez rescindido o contrato coa Basket Cup, agora tocaralle actuar ó concello. O bipartito di que non permitirá que o torneo dé un paso atrás e volva a Fontecarmoa e realizarán tódalas xestións posibles para que continúe no recinto feiral.

En resumo, tema semella reconducido. Ningunha das dúas partes quere o divorcio e farán un esforzo por relanza-la Basket Cup. A presión social, e a realizada dende o comité organizador, deu, afortunadamente, os seus froitos.

Redacción Salnés