A industria dos congresos promóvese en Ferpalia

    ferpalia100_011008.jpgPONTEVEDRA > FERPALIA, o Salón de Turismo de Galicia, abriu hoxe as súas portas. Nesta edición, a Cámara de Comercio dedícao ós congresos.

    Congresos e alternativas é o eixo do Salón de Turismo de Galicia, Ferpalia que hoxe comezou en Pontevedra. Na inauguración participaron, entre outros, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a delegada provincial de Industria, Montserrat Prado. No Recinto Feiral participan numerosas empresas que promoven os seus servizos para a celebración de congresos e outras reunións similares. Son firmas de catering, azafatas, de recintos feirais, entre outras.

    A aposta da Cámara de Comercio polos congresos coincide cos esforzos que realizan concellos como Pontevedra, Vilagarcía ou O Grove, para acoller este tipo de actividades. Un turismo este que no ano pasado xerou máis de catro mil millóns de euros de beneficio. Trátase dunha proposta que ademais contribúe a desestacionalizar o turismo. Isto é que se atopa na parte expositiva de Ferpalia.

    Polo que se refire á Bolsa de Contratación, os traballos previos que se desenvolveron garanten un maior número de contactos e entrevistas dos touroperadores que na última edición, que acadou as 4.000 citas. Aproveitando Ferpalia, a Cámara de Comercio organiza unha misión comercial inversa, na que participan oito xornalistas brasileiros, especializados en turismo. Precisamente, onte asistiron a unha cata de albariño no Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.

    Redacción Salnés