Junquera e Barbeito gañan, golean e apuntan alto

futbolsala250_281008.jpgSALNÉS > Grandes resultados tanto para Grupo Junquera como para Hermanos Barbeito que nesta xornada foron quen de golear ós seus rivais con facilidade. Os dous equipos sitúanse xa na parte alta da clasificación.

Tralos últimos dous tropezos o Grupo Junquera volveu pola senda do triunfo e goleou na casa ó Fisterra por 6-2. Un partido brillante o realizado polos vilagarciáns que volveron a deixar moi boas sensacións.

O xogo colectivo que desenvolveron os de Diego Molllnedo durante boa parte do encontro e a agresividade defensiva que expuxeron sobre o parqué de Fontecarmoa foron as armas das que se serviron para levarse a victoria.

O marcador púxose de cara moi cedo, ós cinco minutos xa vencían por 2-0, aínda que o Fisterra foi quen de reducir vantaxe e obrigou ó Junquera a sacar o mellor de si mesmo antes do descanso, ó que se chegou cun 4-2.

A segunda metade foi controlada de principio a fin polos vilagarciáns que aumentaron diferencias ata o 6-2 final. Destacable foi actuación de novo de Marcos que asinou un hat-trick. O Junquera queda agora terceiro na táboa, enganchado ós de arriba e coa vista posta no Troula, próximo rival e equipo da zona morna da táboa.

Tamén chegaron boas novas dende Baltar,onde o Hermanos Barbeito confirmou a súa recuperación e encadenou o seu terceiro "7-2" consecutivo, desta volta foi o Marcote quen recibíu a goleada.

O encontro quedou sentenciado no primeiro acto, xa que os portonoveses chegaron ó descanso 5-0 a favor. Foron moi superiores durante todo o partido e tamén na segunda metade, na que ó final deixáronse ir e non quixeron facer máis ferida no rival.

O Barbeito é sexto na táboa e en clara ascensión. Terá unha boa oportunidade para prolongar esta xeira a vindeira semana na casa do La Crema Bar Arranca, penúltimo clasificado.

Redacción Salnés