RIBADUMIA> O Arousa alzouse coa victoria tras doblegar na final á Escola de Futbol de Vilanova. Ambos clasificáronse para a fase final xunto co Umia, que finalizou terceiro.
O Arousa alzouse co triunfo na fase local da IV Copa do Futuro celebrada esta fin de semana en Ribadumia. O torneo de futbol prebenxamín que promove a Deputación de Pontevedra, congregou a centos de afeccionados o sábado, no campo de Barrantes, e o domingo, no de Pontearnelas. Nel déronse cita clubes da comarca do Salnés e tamén doutros puntos da provincia.
O gañador, o Arousa, pasouno mal na semifinal, onde tivo que chegar ós penaltis para pasar de eliminatoria, pero logo no partido decisivo pasou por enriba da Escola de Fútbol Base de Vilanova, por 7-2. Ademais do seu gran poder goleador, amosaron unha excelente consistencia defensiva ó conceder en toda a competición tan só tres goles, o que lles valeu para ser o equipo menos goleado. Iago Davila Cores foi proclamado pichichi con 11 tantos.
Xunto ós dous finalistas, o Umia tamén está clasificado para a fase final do torneo que se disputará en Vigo os días 12 e 13 de xuño. Tamén teñen praza nesa cita o Balaídos, Gondomar B e Coruxo, que a semana pasada obtiveron o pase na fase local de Gondomar.
Neste torneo, no que participan máis de 1.300 rapaces imperan por enriba do deportivo, os valores de xogo limpo, solidariedade e compañeirismo. Neste sentido a organización entregou o Trofeo á Igualdade Ibecaja ó Unión Dena B, que incluíu entre os seus participantes a unha rapaza e a tres nenos de menor idade, de catro anos.
Redacción Salnés