Verónica Miguéns remata segunda no trial de Vall d’Uixó

trial250_301008.jpgVILAGARCÍA > Estes días disputouse en Castellón a terceira proba puntuable para o Campionato de España de Trial. Alí estiveron presentes dous vilagarciáns, irmáns, Verónica e Carlos Miguéns, que tiveron actuacións destacadas nas súas respectivas categorías.

A piques estivo Verónica Miguéns de impoñerse na terceira proba do da Copa de España, en categoría Féminas B, que se disputou estes días en Vall d’Uixó, Castellón.

A vilagarcián levou a cabo unha proba con gran intelixencia; na primeira volta situouse xa no grupo de cabeza, pero foi despois cando estivo a piques de acadar o liderato. Agardou a que o percorrido se secase, estivera moi embarrado ata ese intre, e comezou a recortar diferencias ata quedarse ó final a tan só un punto da gañadora e líder do campionato, Natalia Chana.

Verónica continúa segunda na xeral, mantendo unha dura pugna con Emma Castañeiras.

Non lle foron tan ben as cousas ó seu irmán Carlos, que competía no Campionato de España, en categoría cadete. Foi noveno despois de sufrir dúas caídas moi duras, unha delas dende tres metros de altura, que ademais de facerlle perder moitos puntos, deixáronlle moi mermado nas últimas voltas. Pol Tarrés impúxose nesta proba.

Sen tempo prácticamente para o descanso, os vilagarciáns parten mañá de novo cara terras levantinas, desta volta a La Nucia, Alicante. Alí disputarase a penúltima proba da Copa de Féminas, o sábado, mentres que o domingo os cadetes porán o peche á temporada, nun ano no que acadron resultados satisfactorios, pese a que segundo os seus protagonistas puideron ser moito mellores de ter podido adestrar máis.

Os estudios, para eles, van primeiro.

Redacción Salnés