O Tarbes foi demasiado equipo para un Extrugasa combativo

baloncesto250_301008.jpgSALNÉS > O Extrugasa caeu onte na Eurocup ante o Tarbes (83-52). As vilagarciáns aguantaron ben durante os tres primeiros cuartos pero non puideron co empuxe local nos últimos minutos. Ó final, a diferencia foise máis alá dos trinta puntos.

De pouco servíu o gran esforzo feito polo Extrugasa. Foron trinta minutos de loita e de relativa igualdade que ó final deron paso a un ciclón galo que arrasou no derradeiro cuarto.

Non foi posible a sorpresa aínda que na primeira parte a actuación foi sobresaínte. O Extrugasa saíu moi concentrado e froito diso colleitou unhas pequenas vantaxes que puxeron algo nerviosas ás locais. Tamera Young e Katia Da Silva colleron o mando en ataque e anotaron 18 dos primeiros 20 puntos do seu equipo.

Con todo, o conxunto local funcionou a tiróns e cada vez que facía un, as vilagarciáns sufrían. Puxéronse en vantaxe as francesas, xusto antes de chegar á primeira pausa e foron ampliándoa tralo paso polos banquiños para chegar oito arriba ó descanso, 37-29.

O bo inicio do Tarbes na segunda metade, cun parcial de 6-0, semellaba sentenciar o encontro, aínda máis cando Young e Da Silva comezaron a estar moi vixiadas, de feito a americana non anotou en toda a segunda metade e a brasileira fixo tan só catro puntos. Ahí apareceron Sara Gómez e Miriam Herrera para aportar o seu gran de area e evitar que o encontro entrase sentenciado no último cuarto: 57-45.

Pero era cuestión de tempo e as locais tiraron de galóns, de calidade e dese cartel que as coloca como favoritas ó título. As de Isaac Fernández so puideron facer 7 puntos no derraderio cuarto, por 26 das galas que acabaron vencendo por 83-52.

Este resultado pon moi complicado ó Extrugasa pasar coma primeiro de grupo, pero non preocupa en exceso, porque entraba dentro do previsto. A prioridade é a Liga e para iso hai que esquencer este resultado canto antes e centrarse no partido do domingo ante o Rivas;  o líder visita Fontecarmoa.

Redacción Salnés