O Céltiga busca seguir medrando a costa do Compos

futbol250_311008.jpgSALNÉS > Dos encontros máis interesantes da xornada será o que dispute o Céltiga en San Lázaro ante o Compostela, terceiro contra cuarto. O Arousa, pola súa banda, recibe na Lomba ó líder da Terceira, o Montañeros.

Difícil papeleta para o Céltiga esta fin de semana. Tócalle visitar a un dos claros candidatos ó ascenso, o Compostela, co que agora camiña da man na clasificación, os dous suman 17 puntos.

Non faltará practicamente ninguén; tan só son dúbida polos locais Peter, con problemas nun xeonllo, e polos da Illa Cardeñosa, que arrastra molestias nun nocello.

Ademais, os de Josiño Abalde deberán xogar contra a historia: nunca gañaron en Terceira División ó Compos, aínda que a última vez que visitaron ós branquiazuis, empataron sen goles, alá pola 88-89, hai 20 anos. Un partido onde se xuntarán dous estilos ben diferentes: o combinativo de Baleato contra o ataque directo de Abalde. O domingo ás 17:00.

Outro dos encontro máis interesantes é o que disputarán na Lomba o Arousa e o Montañeros. O líder visita Vilagarcía. Probablemente dous dos equipos que mellor futbol fan da categoría e en clara xeira positiva de resultados: os coruñeses levan seis victorias nos últimos sete partidos mentres que os de Laxes sumaron 10 dos últimos 15 puntos en xogo. No apartado de baixas son os coruñeses os que presentan máis cambios con respecto á última xornada na que empataron co Alondras: José Ramón perde a Miguel, Pablo, Dani e Guillermo, pero recupera a Rodri, Madrigal e César.

No Vilalonga o que se quere é retomar canto antes a dinámica positiva despois de ter caido no derbi e desaproveitar a súa superioridade ante o Pontevedra B. Gabi Leis terá a tódolos seus xogadores dispoñibles a excepción do punta Machu, que lesionouse a pasada semana e estará un mes de baixa por rotura de fibras. Por iso é probable que vexamos un cambio no esquema de xogo, puidendo pasar do 4-4-2 a un 4-2-3-1, con Saúl como único dianteiro. O Gran Peña preséntase coas baixas de home importantes como Pasu, Lelo e Couso. Será o domingo a partires das 16:15.

Un dos partidos que abrirán a xornada mañá será o que xogue o Portonovo en Río Seco ante o Narón (18:00). Nas últimas dúas visitas que fixeron os portonoveses a este campo saíron goleados, pero nesta ocasión pode ser distinto, xa que os ferrolterráns están situados onde non agradaban, na zona baixa da táboa, e a día de hoxe este é un encontro entre rivais directos por eludi-lo descenso.

En Preferente Autonómica agárdannos estes partidos: Melias- Unión Grove e o derbi entre Ribadumia e Sanxenxo.

Redacción Salnés