O tríatlon volve a Pontevedra co Campionato de España Sprint

PONTEVEDRA> Pontevedra volverá a converterse esta fin de semana na capital nacional do tríatlon grazas ao Campionato de España Sprint. Unha proba na que participarán os mellores deportistas desta disciplina e que contará cun estrito protocolo de seguridade. Nesta ocasión, estará prohibida a presenza de público.

Regresa o tríatlon a Pontevedra. A cidade do Lérez volverá a converterse esta fin de semana na capital nacional desta disciplina coa celebración do Campionato de España Sprint. A primeira proba deportiva que se celebra tras o confinamento.

O Campionato de España Sprint de Tríatlon levarase a cabo cun estrito protocolo de seguridade. Ademais de reducir o número de participantes, a organización decidiu limitar todo o circuíto cun peche perimetral prohibindo así o acceso do público.

Javi Gómez Noya e Mario Mola son as dúas baixas importantes deste Campionato. Así e todo, o nivel desta proba e altísimo xa que o evento contará con deportistas como o vigués Antonio Serrat.

Na parte feminina, Pontevedra non gozará nesta ocasión da deportista Saleta Castro, que está a recuperarse dunha lesión.

O Campionato de España Sprint de Tríatlon arrancará o sábado pola mañá coas categorías cadete e paratríatlon. Xa pola tarde será a quenda dos grupos de idade. O domingo pola mañá levaranse a cabo as dúas carreiras élite. A masculina ás 9:00 e a feminina ás 10:45 horas. O evento pechará coa carreira júnior. Todas as probas poderán seguirse por streaming a través de La Liga Sports.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí