![]()
NOIA > A Consellería de Industria implantará unha rede de telecomunicacións sen fíos para dotar de banda ancha ó parque empresarial de Augalevada.
{flowplayer}barbanza/wimax.flv{/flowplayer}
Ante o deficiente acceso a internet con que conta na actualidade o polígono de Augalevada, o concello de Noia solicitou á Consellería de Industria a implantación dunha rede de telecomunicacións que permita achegar a banda ancha ós empresarios sen custos adicionais.
O departamento autonómico, en colaboración coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia decidiron implantar a tecnoloxía sen fíos Wimax. Responsables destes dous organismos desprazáronse este xoves ata o polígono noiés para informar ós empresarios das vantaxes que supón este sistema.
Tecnoloxía de última xeración
Trátase dunha tecnoloxía en pleno crecemento con amplos radios de cobertura e alta seguridade que soporta servizos en tempo real como videochamada ou televisión por internet, o que a converte en idónea para nucleos de poboación pequenos e polígonos industriais.
Sen custo adicional
Este sistema non suporá apenas custo adicional para os empresairos posto que os equipamentos a instalar, consistentes en pequenas antenas, pódense adquirir en réxime de aluguer. As tarifas mensuais e de alta son moi próximas, e mesmo inferiores, ós do ADSL ou cable.
Segundo explicou o delegado provincial da Consellería, Xosé Luís Barcia, a implantación deste sistema levarase a cabo nun total de 43 parques de toda Galicia; entre eles o de Espiñeira, en Boiro.
Con este proxecto, a Consellería de Innovación e Industria segue apostando forte polas inversións en I+D. Neste eido, está tamén a levar a cabo a implantación de sistemas sen fíos en concellos rurais a onde non chega o cable e estableceu un convenio coa operadora galega R para achegar a fibra óptica a tódalas vilas galegas. Paralelamente, está a promover cursos de formación nos parques empresariais sobre as posibilidades que ofertan as novas tecnoloxías.
Redacción Barbanza







