Catro institucións únense para homenaxear a Filgueira Valverde

PONTEVEDRA> Por primeira vez na historia das Letras Galegas catro institucións se unen para homenaxear a un autor. A Real Academia Galega, O Consello da Cultura Galega, o Museo de Pontevedra e a Fundación Barrié deciden rematar este ano de lembranza ao intelectual pontevedrés cunha programación paralela que lembrará tódalas facetas do escritor durante o mes de novembro.

 

Para seguir potenciando a figura de Filgueira Valverde e debido á súa longa traxectoria e extensa obra o tradicional mes de balance que se facía na Real Academia Galega en novembro acerca do autor homenaxeado cada ano no día das letras galegas pasa a ser unha programación a catro bandas en tres das cidades galegas. Nunca antes se fixera dende que existe o día das Letras Galegas pero este ano o Museo de Pontevedra, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié únense á Real Academia Galega cunha serie de actos que lembrarán ao autor pontevedrés.

En Pontevedra celebraranse o martes 10 e o mércores 11 dúas mesas redondas nas que se tratará da relación de Filgueira Valverde coa cidade e a da cidade con el. En Santiago será o día 24 cando se falará sobre tres institucións que o propio Filgueira axudou a crear como o Consello da Cultura galega, o Instituto Padre Sarmiento ou o Seminario de Estudos Galegos. E en Coruña será o xoves 26 na Real Academia galega cando se afonde en moitas das facetas do escritor e o venres 27 cando se trate na Fundación Barrié a súa relación coa mesma e o impulso que lle deu á cultura popular galega.

Todas as actividades serán recollidas nunha serie de actas que se publicarán nun prazo de sete a oito meses e servirán para unha mellor interpretación deste intelectual galego. 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/03/filgueira_valverde.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/03/filgueira_valverde.mp4{/flowplayer}