O portavoz do PSOE de Ribeira presenta a súa dimisión coma edil

    dimisiontononovoa_100_241108.jpgRIBEIRA > O ata agora edil socialista, Toño Novoa, alude a razóns meramente persoais para xustifica-la súa decisión.

    {flowplayer}barbanza/dimisiontononovoa.flv{/flowplayer}

    Cando aínda non se cumpriu un ano dende que asumira a portavocía do grupo municipal do PSOE de Ribeira, Toño Nóvoa, decidiu presentar a súa renuncia como concelleiro. A súa decisión responde fundamentalmente a razóns de índole persoal, negando que viñera dada por posibles discrepancias co partido ou cos compañeiros de agrupación. Agora, o edil Francisco Mareque ocupará o seu cargo na portavocía do grupo.

    Última comparecencia

    As imaxes que están a ver corresponden á semana pasada cunha das últimas intervencións de Toño Nóvoa como portavoz do Partido Socialista en Ribeira. Nelas aludía á necesidade de levar a cabo un plan de mellora da seguridade vial nalgúns puntos conflitivos do municipio. Unha iniciativa que hoxe mesmo non defendeu no pleno que se celebra arestora e ó que xa non acudiu.

    Posibles discrepancias

    Novoa negou rotundamente que a súa decisión estivera motivada por discrepancias co partido ou cos propios compañeiros da agrupación. Ademais da renuncia á acta de edil do concello de Ribeira, Novoa presentou tamén a súa dimisión como secretario de política municipal na recentemente constituída executiva do partido a nivel local.

    Agradecementos

    O xa exedil socialista quixo agredece-la confianza e os apoios recibidos, tanto de compañeiros coma de simpatizantes e militantes do partido, tanto a nivel local coma comarcal e autonómico. Tamén agradeceu o trato recibido estes anos polo resto de membros da corporación municipal, así como dos traballadores e funcionarios do concello.

    Redacción Barbanza