BOIRO> Por segundo ano Boiro acollerá unha velada de boxeo. Trátase do segundo Memorial Luís Torrado Creus, en homenaxe a un dos pioneiros dos deportes de contacto na comarca do Barbanza.
A cita presentada esta mañá terá lugar este vindeiro sábado 15 de marzo, no pavillón de Barraña, a partir das sete da tarde.
A actividade está organizada polo club Torrado Treus en colaboración co Concello e a Federación Galega de Boxeo e nela prevense un total de oito combates: catro neoprofesionais, dúas pelexas de elite e dúas amateur, incluindo unha feminina.
Dende o Concello destacaron a importancia deste memorial que chega xa a súa segunda edición.
Por unha banda, porque a través del se homenaxea a un dos pioneiros dos deportes de combate no Barbanza e por outra porque se promociona un deporte xa clásico á alza.
Dende a organización agardan unha elevada asistencia ó evento.
As entradas xa están á venda, podéndose adquirir de xeito anticipado no ximnasio Ozono, en Motor Café ou en Recambios Triñanes a un prezo de 13 euros en cadeira e 11 euros en grada.
O mesmo dia, en taquilla, o prezo incrementarase ata os 15 euros en cadeira e 13 euros en grada.











