Educación investiu máis de 2,3 millóns de euros na Comarca de Caldas

    investimento_educacion_comarca_caldas_100_271108.jpgCUNTIS > Os beneficiarios foron os centros educativos de Valga, Pontecesures, Catoira, Caldas de Reis, Portas, Moraña e Cuntis.

    A Consellería de Educación investiu nos últimos tres anos máis de 2,3 millóns de euros nos colexios da Comarca de Caldas. Así o anunciaron esta mañá a deputada do PSOE no Parlamento galego, Carmen Cajide, e o responsable de educación na provincia de Pontevedra, Guillermo Meijón. Segundo os socialistas, trátase dun investimento moi importante que amosa a aposta da Xunta por unha educación de calidade.

    En total foron 53 as actuacións nas que a Consellería de Educación investiu os máis de dous millóns de euros. Os beneficiarios foron os centros educativos de Valga, Pontecesures, Catoira, Caldas de Reis, Portas, Moraña e Cuntis. As achegas económicas estiveron destinadas a obras de mellora nas infraestruturas dos colexios, así como dotación de mobiliario e diverso equipamento. Segundo a deputada do PSOE no Parlamento, Carmen Cajide, os investimentos realizáronse en función das necesidades de cada concello.

    Cajide quixo salientar en especial a reparación da cuberta e o peche do recinto do colexio Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis. Segundo a alcaldesa da localidade, Fátima Monteagudo, o investimento da Consellería de Educación en Cuntis medrou moito nos últimos tres anos. Ademais, anunciou que se están a ultimar os trámites para construír o patio cuberto deste centro e que o comedor entrará en funcionamento o vindeiro curso.

    O parlamentario Guillermo Meijón sinalou que estes investimentos amosan a posta da actual Xunta por un sistema educativo de calidade. Segundo Meijón, dende o 2006 incrementouse nun 30 por cento o orzamento destinado a educación, un esforzo económico que fixo, por exemplo, que a volta ó colexio en Galicia sexa a máis barata de toda España. Ademais da gratuidade dos libros de texto, Meijón salientou o aumento do número de docentes nos últimos tres anos, así como a aposta da Xunta polas novas tecnoloxías e pola aprendizaxe de idiomas estranxeiros.

    Redacción Salnés