![]()
RIANXO > O pleno de Rianxo aprobou os orzamentos municipais para o exercicio de 2009 que ascenden a máis de sete millóns e medio de euros.
{flowplayer}barbanza/plenorianxo.flv{/flowplayer}
O proxecto orzamentario ascende a 7.625.000 euros, unha cifra notablemente inferior ó exercicio pasado que vén motivada, segundo o goberno local, pola actual situación de crise económica. É por elo, explican, que se levará adiante un plan de austeridade encamiñado a diminui-lo gasto corrente co fin de reducir o endebendamento das arcas municipais.
Inversións prioritarias
Aínda así, os investimentos en servizos públicos seguen a ser unha prioridade. No actual proxecto recóllense as actuacións incluidas no Plan de Obras e Servizos da Deputación por valor de 268 mil euros, así como o inventario de bens da entidade local, o gasto plurianual relativo ó edificio administrativo ou a contratación da redación do PXOM, entre outras.
Sen embargo, os orzamentos elaborados polo executivo non contaron co visto bo da oposición. O BNG rexeitou o documento por non incluír moitas das demandas solicitadas polo seu grupo; entre elas, a posta en funcionamento dun telecentro en Taragoña ou o remate das obras do parquin así como a realización dun inventario da rede de sumidoiros e abastecemento municipal para facilitar a planificación das obras.
Críticas á xestión financieira
Tamén botan en falta, os nacionalistas, partidas para subvencionar o transporte para estudantes ou equipamentos para as asociacións xuvenís. Ademais de demandar estas e outras inversións como serían as destinadas a rehablitar as escolas unitarias ou regularizar a situación dos cen traballadores municipais coa aplicación dun convenio colectivo, os nacionalistas acusan ó goberno de inflar as partidas de ingresos para xustificar gastos, derivando na falta de liquidez das arcas municipais.
Na mesma tónica expresouse o Partido Popular que acusou ó executivo de endebedar ó concello cunha xestión económica desequilibrada, que fai preciso recorrer constantemente a operacións de crédito.
Así mesmo os populares denunciaron a suposta ilegalidade do procedemento para a aprobación dos presupostos posto que os grupos da oposición non tiveron acceso á docuemntación ata o día antes do pleno que, segundo denuncian, estaba incompleta. A este respecto, o executivo local aclarou que a documentación completa estivo a disposición dende a convocatoria dea Comisión Informativa de Facenda previa ó pleno.
Redacción Barbanza










