A Big Band da Escola de Música de Rianxo abrirá as ‘Noites de Jazz’

RIANXO> ‘Noites de Jazz’ é unha das actividades habituais na programación cultural do verán en Rianxo, que co paso das edicións se converte nun polo de atracción para os amantes deste estilo musical.

O Festival, organizado  polo Concello, en colaboración coa Deputación da Coruña e a Escola de Música, celebrarase do 2 ó 5 de agosto.

Está prevista a realización dun total de cinco concertos. Abrirá o día 2 pola noite a Big Band da Escola de Música de Rianxo. Ó día seguinte actuará Laroá. O día 4 tocaralle a quenda a The Sar Swing Quintet e David Regueiro Trío e Alexandre Cavaliere para rematar o día 5 cos concertos do Trío Teshuva e Cromática Pistona.

Pero á par dos concertos, o Festival tamén inclúe a realización de diversas accións formativas, cun curso de big band que se está a desenvolver dende primeiros de xullo da man dos mestres  Alfredo Susavila e Bernal Muíños, así como tamén unha exposición do artista noiés Veiras Manteiga que poderá visitarse no propio auditorio rinaxeiro ata o 18 de agosto.

Os interesados poden obter máis información a través da web noitesdejazz.gal