O alcalde de Vilanova culpa ó BNG de mentir sobre o polígono de Tremoedo

    gonzalo_duran_poligono_100_051208.jpgVILANOVA > Gonzalo Durán segue adiante coa súa campaña de oposición ó parque empresarial.

    Trala ameaza do alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, de tomar medidas en contra do BNG local por apoiar esta obra, agora responde ás declaracións feitas polos nacionalistas acusándoos de contradicirse e de mentir ós veciños de Vilanova.

    Trala rolda de prensa convocada o pasado martes pola voceira do BNG de Vilanova, Carmela Alfonso, e o portavoz nacionalista a nivel comarcal, Duarte Correa, Durán responde agora ós nacionalistas acusándoos de contradicirse e enganar ós veciños. Nesa rolda de prensa, os nacionalistas tenderon a man ós populares para sacar adiante xuntos o proxecto. Durán asegura que dende o concello levan solicitando unha reunión coa Consellería de Vivenda dende hai tempo sen que a día de hoxe lle teñan contestado. Ademais, engade que a única vez que tivo ocasión de falar deste tema foi o pasado mes de outubro, no programa Contrastes desta canle, no que coincidiu co director Xeral do Instituto Galego da Vivenda, Daniel Pino.

    Gonzalo Durán acusa á Xunta e ós nacionalistas locais de facer demagoxia ó afirmar que o futuro polígono de András-Tremoedo fomentará o emprego. Segundo o alcalde, para xerar postos de traballo en Vilanova xa están potenciando o parque empresarial de Baión, e engade que non está disposto a antepoñer o emprego á saúde e benestar dos veciños.

    Segundo a lei, cando a construción dun polígono implica a dous concellos distintos, a Xunta ten que ser a encargada de conceder a licencia. Para Durán, no caso do polígono de András-Tremoedo a aplicación desta lei de supramunicipalidade é unha burla, xa que case o 99 % da superficie que ocupará o polígono está no territorio de Vilanova. Ademais puntualiza que a licenza de actividade si depende do concello, polo que, aínda que se constrúa, se reciben algún informe en contra, non seguirá adiante.

    O alcalde de Vilanova adiantou que no vindeiro pleno ordinario darán a coñecer as medidas que tomarán en contra do BNG municipal. Ademais suxeriu unha posible ruptura entre os membros desta agrupación, ó apuntar que o nacionalista Ricardo Nogueira non asistiu ó último pleno e tampouco acudiu a ningunha das reunións sobre o polígono de András-Tremoedo.

    Redacción Salnés