![]()
SANTIAGO > A directora xeral de Transportes confirma ó deputado Bieito Lobeira que non se vai eliminar a actual vía do tren entre Vilagarcía e Santiago.
A directora xeral de Transportes afirmou onte no Parlamento de Galicia que non se vai eliminar a actual vía do tren entre Vilagarcía e Santiago. As declaracións feitas en comisión responden a unha pregunta feita polo deputado autonómico do BNG Bieito Lobeira, que valorou como correcta a decisión. O nacionalista entende que así se vai no camiño de conseguir un Ente Galego Ferroviario.
Bieito Lobeira defendeu na comisión a implantación dun servizo ferroviario de cercanías entre Vilagarcía e Santiago, ó considerar estas liñas imprescindibles para a vertebración do territorio galego. O deputado nacionalista advertiu sobre as previsións de ADIF de simultanear a construción do denominado Eixo Atlántico de Alta Velocidade coa eliminación do actual tendido, suprimindo así as estacións de Catoira, Pontecesures, A Escravitude e Padrón, perdendo estes concellos o servizo de cambio.
A directora xeral, Mar Chao, recoñeceu que o servizo de cercanías é un obxectivo irrenunciable aínda que non a calquera prezo, sempre en termos de utilidade pública. Nesta liña lembrou que hai unha partida nos orzamentos de 2009 para comezar a pór en marcha o Ente galego, e anunciou a elaboración dunha análise sobre a actual situación deste transporte para avanzar no deseño das cercanías.
Redacción Salnés







