As tres adegas gañadoras do Albariño 2020 destacan o peso do premio na promoción

CAMBADOS> Os mellores albariños Rías Baixas do 2019 xa teñen no seu poder os premios que acreditan o seu podio na trixésimo segunda cata concurso. Representantes das adegas Valdes, San Salvador e Viña Almirante asistiron ao acto de entrega, e destacaron a importancia deste recoñecemento a nivel promocional e de vendas. E é que, tal e como sinalou o conselleiro do Medio Rural, trátase dun dos premios con máis repercusión.

A cata-concurso Rías Baixas Albariño da anada 2019 pechaba hoxe a súa edición máis estrana. O seu 32 aniversario celebrouse marcado fortemente pola COVID-19 e obrigou a desdobrar o acto para evitar eventos multitudinarios. O domingo coñeciamos os gañadores e hoxe recolleron os seus premios. O primeiro recaeu no albariño Gundián, de Adegas Valdés.

A Medalla de Prata foi para Noelia Bebelia, da adega San Salvador de Soutomaior. O seu representante coincidiu ao destacar a importancia deste recoñecemento. No só para a adega, tamén para a propia subzona.

O podio pechouno Pionero Macerato, da cooperativa Viña Almirante. Un viño que chegou ao concurso de casualidade, e que finalmente deu unha importante alegría aos seus elaboradores.

O presidente do Consello Regulador, a alcaldesa de Cambados e o conselleiro do Medio Rural foron os encargados de entregarlles os galardóns. Todos destacaron a importancia dos premio desta cata-concurso e, sobre todo, de ter conseguido celebrala a pesares das dificultades derivadas da COVID-19.

Nesta edición da cata participaron 46 mostras de albariños Rías Baixas. O xurado encargado de avalialas estivo composto por 22 expertos, 12 do panel de cata interno do Consello e un panel de cata externo de 10 profesionais. Todos destacaron o alto nivel dos viños presentados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí