A autovía do Barbanza entra en servizo un mes antes do previsto

    inauguracionautovia_100_151208.jpgBARBANZA > Este luns abriu ó tráfico a autovía do Barbanza, despois de dous anos de obras, e cun mes de antelación con respecto ós prazos previstos.

    {flowplayer}barbanza/inauguracionautovia.flv{/flowplayer}

    O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a Conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, realizaron unha visita á nova autovía do Barbanza para inaugurar oficialmente a estrada que este luns entrou en servizo.

    Xunto cunha delegación integrada por autoridades da comarca, os representantes autonómicos percorreron a nova estrada con paradas nalgunhas das estruturas máis significativas da vía, entre elas o viaduto sobre a ría de Arousa, que supuxo unha obra de gran envergadura para a que foi precisa a construción de dúas penínsulas de 350 metros.

    Posteriormente, a delegación desprazouse ata unha carpa situada ó pe da estrada no lugar de Vilas, en Rianxo, para presidir o acto oficial de inauguración. Alí, o presidente da Xunta de Galicia destacou a importancia desta infraestrutura de comunicación que marcará un antes e un despois para a comarca do Barbanza.

    Nos seus corenta quilómetros de lonxitude, a autovía conta con once viadutos, 29 pasos superiores e 49 pasos inferiores, o que supón unha estrutura transversal cada 500 metros para mellora-la accesibilidade.

    Seguridade

    Ademais dotouse dun sistema de xestión de tráfico integrado por 38 cámaras de televisión, 22 postos SOS e 14 paneis informativos variables, permanentemente conectado a un centro de control que se situará en Vilariño (Boiro). E é que a seguridade foi unha das premisas básicas á hora de contruír esta vía que se dotou de máis de 20 quilómetros de sistemas de protección para motoristas.

    A nova autovía, a máis longa de toda Galicia, vén substituír a antiga vía autonómica que ata o de agora constituía o principal eixo vertebrador do Barbanza a pesar da súa inseguridade posto que nos trece anos que estivo en servizo rexistrou un total de 56 vítimas mortais.

    Obras complementarias

    Sen embargo, a súa posta en funcionamento tampouco está exenta de polémica posto que quedan pendentes moitas obras complementarias, principalmente de drenaxe e accesos que afectan a numerosos veciños da comarca. Obras que o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, o único dos catro mandatarios da bisbarra que asistiu á inauguración agarda se resolvan coa máxima premura posible. Tanto a titular de Obras Públicas como o presidente da Xunta volveron ratificar, durante a súa intervención, que a empresa concesionaria solventará tódolos danos derivados da construción da autovía. 

    Ausencias destacadas

    {flowplayer}barbanza/inauguracionautovia2.flv{/flowplayer}

    Precisamente, esas actuacións pendentes de executar están detrás das ausencias máis destacadas desta mañá. Tal e como manifestaran nos días previos á inauguración, os alcaldes de Ribeira, Pobra e Boiro deron plantón a Touriño no acto inaugural. Os rexedores locais quixeron manifestar así o seu descontento coa xestión da Consellería e de propia empresa construtora que, a pesar dos reiterados compromisos, non foi quen de repara-los numerosos danos ocasionados ós veciños.

    Conscientes da forte contestación social xurdida da actuación de Sacyr, tanto María Xosé Caride como Emilio Pérez Touriño quixeron ter unhas verbas de agradecemento cara os veciños afectados polas obras lembrando novamente que tódolos danos ocasionados serán subsanados.

    Prioridade

    Sen embargo, a prioridade máis inmediata para a administración autonómica era a apertura da vía para garanti-la seguridade dos máis de cinco mil condutores que a diario circulan polo Barbanza. Da mesma opinión son outros mandatarios locais que si asistiron óa acto inaugural como os alcaldes de Padrón, Dodro, Lousame, Noia, Porto do Son ou o tenente de alcalde de Boiro.

    Redacción Barbanza