Veciños de A Medela e Magariños opóñense ó polígono de Valga

protesta_poligono_valga_100_151208.jpgVALGA > As aldeas afogarán entre fábricas e naves industriais se prospera o polígono proxectado no PXOM.

O polígono proxectado no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Valga ocupa preto de 750.000 metros cadrados e divídese en dúas áreas separadas pola estrada N-550. Segundo os veciños afectados, o parque empresarial situarase a menos de 50 metros das casas, incumprindo a distancia mínima fixada en 200 metros. Ademais partirá a aldea de A Medela cunha estrada de catro carrís que dará acceso a unha das áreas do polígono.

Os veciños aseguran que a construción deste polígono traerá consecuencias medioambientais moi negativas, xa que ademais de levar por diante terreos de cultivo acabará destruíndo lugares de valor natural e paisaxístico coma o val de Magariños.

Cando se abriu o prazo de exposición pública do PXOM, entre xullo e agosto, os veciños presentaron alegacións ó documento para impedir que o polígono se constrúa nas súas aldeas. Acompañáronas por 400 firmas de apoio e o informe dun perito e un avogado. Tamén mantiveron dúas xuntanzas co alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, aínda que, segundo os afectados, non lles deu ningunha solución.

Á espera de que se revisen tódalas alegacións, os veciños de A Medela e Magariños seguen a buscar apoios para a súa causa. Polo de agora xa solicitaron o apoio dos grupos da oposición no concello e están pendentes dunha reunión con Xestur.

Redacción Salnés