A escaseza de marisco obriga a pospoñer dúas semanas o arranque da campaña do libre

AROUSA> A campaña do libre marisqueo vaise retrasar ata mediados de outubro. Unhas mostraxes preocupantes levaron a toma-la medida, ante a escaseza de marisco nos bancos e o seu pequeno tamaño. O colectivo Rañeiros da Ría decidiu toma-la medida, que conta co apoio da Xunta.

A situación dos bancos obriga a pospoñe-lo inicio da campaña. Tradicionalmente o libre marisqueo arranca a comezos de outubro, pero desta volta posporase ata o día 14.

As preocupantes mostraxes apuntan a unha escasa cantidade de produto e, aínda por riba, de reducido tamaño. A situación é especialmente preocupante nos bancos de Boído e Cabío. Con todo, no sector amósanse cautos, polo limitado campo de actuación das mostras. Cren que a verdadeira radiografía ós bancos marisqueiros tomarase en canto comece a campaña.

A medida parte do colectivo Rañeiros da Ría e conta co visto bo da Consellería do Mar. O inicio da campaña pasa agora ó 14 de outubro, un cambio de data que afecta a tódolos pósitos, formen parte ou non de Rañeiros.

Retrasa-la apertura da campaña é unha medida excepcional, nunca antes aplicada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí