Traspaso de poderes no BNG de Ribeira

RIBEIRA> Esta mañá oficializábase a renuncia de Xosé Antón Vázquez Cobas coma portavoz da formación. Un posto que pasará agora a mans de Luís Pérez Barral. Cobas abandonará tamén a corporación.

O pleno de mañá xoves será o derradeiro de Xosé Antón Vázquez Cobas coma voceiro municipal do BNG, e tamén coma edil.

Esta mañá anunciaba a súa intención de entregar a súa acta de concelleiro despois de dez anos liderando á formación nacionalista en Ribeira, incluíndo dúas como cabeza de cartel ás eleccións municipais. Pasará a formar parte da dirección local.

O seu relevo na corporación municipal será asumido pola seguinte nas listas da formación nos comicios de 2019, Cruz Rivadulla, mentres que a portavocía será para Luís Pérez Barral, quen asegurou que intentará abrir un diálogo con todo o mundo, co fin de sumar a máis persoas de tódolos ámbitos e sectores.

Os cambios no organigrama do partido a nivel local son froito dunha asemblea xeral celebrada esta pasada fin de semana, que levou tamén a elección do novo responsable local da formación, un cargo que recae en Xabier Vidal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí