AMICOS promove a agricultura ecolóxica como medio para a integración social

    biocentro_100_191208.jpgRIBEIRA > O Conselleiro de Medio Rural inaugurou o BioCentro de Agricultura Ecolóxica da fundación de persoas con discapacidade AMICOS do Barbanza.

    {flowplayer}barbanza/biocentro.flv{/flowplayer}

    O Biocentro de Produción Ecolóxica de AMICOS do Barbanza é moito máis que unhas instalacións dedicadas ó cultivo de produtos de forma natural. É ademais o mellor medio para a integración social e a inserción laboral das persoas con discapacidade que a diario alí traballan. Na actualidade, son doce os alumnos que coa axuda de tres monitores especializados aprenden os procesos de cultivo e a utilización de maquinaria agrícola. Ademais do consumo propio, as hortalizas e verduras que cultivan, entre elas repolo, coliflor, tomate, pementos e demais produtos, son vendidas a restaurantes do concello e mesmo a particulares.

    Inauguración oficial

    O Conselleiro de Medio Rural tivo oportunidade de coñecer máis de preto o traballo destas persoas nunha visita realizada para inaugurar oficialmente o Biocentro. Suárez Canal destacou a importancia de realizar inversións, que para a Consellería supoñen un coste mínimo, e que na súa aplicación real teñen detrás un proxecto social de tal envergadura.

    Valorización do rural

    Ademais da perspectiva social, o responsable autonómico referiuse ó labor de AMICOS no camiño para a posta en valor da agricultura ecolóxica con total respecto hacia o Medio Ambiente.

    Tamén o alcalde de Ribeira tivo palabras de eloxio para a asociación barbanzá que, a partir dunha escola unitaria onde comezaron o seu labor, foron capaces de conquerir unhas instalacións dignas que se ven agora máis reforzadas aínda co biocentro.

    Integración socio-laboral

    Pola súa banda, a presidenta de AMICOS, Esther Vidal, aproveitou a ocasión para agradecer a colaboración das diversas administracións que se volcaron co seu proxecto e explicou que o principal obxectivo do biocentro é conquerir a integración sociolaboral das persoas con discapacidade que precisan sentirse valorados pola sociedade.

    Trala visita ás instalacións, o Conselleiro presidiu o acto de entrega de diplomas ós asistentes ó curso de agricultura ecolóxica. Os alumnos como Jesús, Rosa, Manuel, Alejandro ou Joaquín, entre outros, recolleron emocionados o seu diploma e desfrutaron do merecido recoñecemento público que, dende hai anos, AMICOS vén reclamando para eles.

    Redacción Barbanza