Boiro Novo denuncia o estado de abandono do roteiro ó Castrelo de Vitres

    BOIRO> Botan en falla políticas de fomento do turismo medioambiental e patrimonial de cara ó desenvolvemento económico do municipio. Boiro Novo vén de criticar ó equipo de goberno polo estado de abandono no que se atopa actualmente o roteiro medioambiental que une Boiro co Castrelo de Vitres. Botan en falla nel labores de mantemento e acondicionamento como é o caso do desbroce da maleza, a mellora da súa sinalización ou mesmo o arranxo dalgún dos pasos que cruzan o río a xeito de ponte, dificultando o tránsito das persoas. Para Boiro Novo este é un exemplo máis da pasividade e total indiferenza coa que actúa o actual equipo de goberno, que non se preocupa de manter nunhas condicións óptimas este roteiro, segundo eles, o primeiro roteiro medioambiental homologado no Barbanza de ámbito municipal, que durante tempo foi visitado por centos de persoas, e que representa un importante atractivo turístico do municipio. Dende a asemblea cidadá Boiro Novo considérase ó turismo medioambiental, xunto co patrimonial, un dos elementos fundamentais para o desenvolvemento económico do concello, de aí a súa aposta por iniciativas que o poñan en valor.