O executivo boirés repara as deficiencias na praza do edificio de Proimbarsa

    mellorasprazaproimbarsa_100_191208.jpgBOIRO > Deste xeito ponse fin ó conflito existente entre o concello e os veciños deste edificio que se iniciou hai varios anos.

    Tra-la valoración dos danos rexistrados na praza do edificio Proimbarsa por parte dos técnicos municipais, a brigada de obras iniciou os traballos de reparación. Consisten fundamentalmente na reposición das lousas en mal estado e a impermeabilización das fendas para evitar as filtracións ós garaxes. Deste xeito, o executivo boirés cumpre coa sentenza que ratificaba a titularidade municipal desta praza e obrigaba ó seu mantemento. Sen embargo, segundo explicou o edil de Obras, o concello só se fará cargo das reparacións comúns e non dos danos estruturais que padece o edificio.

    Tránsito vehículos

    O mal estado da praza débese fundamentalmente ó tránsito de vehículos que soporta a diario posto que a entrada ós garaxes se realiza por riba da praza. Dende o concello consideran que é preciso estudar unha entrada alternativa para evitar a rotura do pavimento e os consecuentes danos que ocasiona.

    Fin ó conflito

    Coa asunción dos danos por parte do concello, ponse fin a un longo conflito entre o executivo e os veciños deste inmoble que sempre reivindicaron a titularidade pública da praza en aras de que o concello se fixese cargo do seu mantemento. Unha sentenza do contencioso administrativo obrigou ó concello a reparación das deficiencias, recollidas nun informe pericial polo que os veciños non entenden por que os servizos técnicos tiveron que facer unha valoración, cando a sentenza deixa claros os arranxos que ten que acometer o goberno local.

    Redacción Barbanza