Chega o parón de Nadal cos deberes a medio facer

futbol250_221208.jpgSALNÉS > Mala xornada na Terceira División para os equipos do Salnés. Dúas derrotas e dous empates, se cadra o máis positivo o que acadou o Vilalonga nun campo complicado como o do Lalín. Preocupante a situación do Arousa que caeu de novo na Lomba.

Unha vez máis o Arousa volveu a amosar tódalas súas carencias. Desta volta foi o Narón o que se levou a victoria da Lomba (1-3) e deixou ós de Laxes cos mesmos puntos que o Somozas, que ocupa a última praza de descenso.

Os visitantes servíronse dun gol tempraneiro para manexar o encontro con tranquilidade. Ó pouco de comezar a segunda metade Álex López facía o segundo ante a pasividade da defensa arlequinada. Luis Alberto reducíu diferencias a cinco para o final cun bo testarazo, pero non chegou a remontada, chegou o terceiro, de Efrén, co tempo cumprido e nunha xogada na que arrancou, presumiblemente, en fóra de xogo. Así as cousas, son sete as xornadas xa que leva sen gañar.

Un dos que máis satisfeitos pode estar é o Vilalonga, que arrincou un empate da súa visita ó complicado Manuel Anxo Cortizo (0-0). Partido carente de bo fútbol, debido ó mal estado do terreo de xogo, que fixo que os dous conxuntos abusasen do xogo directo. Poucas ocasións de gol e moita loita para unhas táboas sen goles que se antollan xustas.

Tamén empatou sen goles o Portonovo e a domicilio no José Argiz, nun partido ben planteaxo por Milucho, cunha defensa de cinco que fixo que os locais non dispuxesen de moitas ocasións. Os portonoveses limitáronse a defender e intentar saír as contras, fórmula que lle servíu para acadar un punto e sumar así a súa quinta xornada consecutiva sen perder.

O Céltiga pola súa banda caeu en Barreiro ante o Gran Peña (2-1), tras realizar unha mala primeira metade. Os de Josiño, moi condicionados polas baixas, reaccionaron tarde, cando xa ían 2-0 no marcador. Adrián fixo o tanto dos da Illa, de penalti, e o Gran Peña aguantou o tirón final do Céltiga, pese a rematar os locais o encontro con nove xogadores.

Redacción Salnés