A construción da Ponte das Correntes xa está en marcha

    pontedascorrentes_pontevedra_100_241208.jpgPONTEVEDRA > A Conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, e o alcalde, Miguel Ánxo Fernández Lores, inauguraron onte a obra.

    A construción da Ponte das Correntes permitirá solucionar os problemas de tráfico rodado e peonil, ó desconxestionar a glorieta que hai á saída da autoestrada do Atlántico. Nela conflúen cada día preto de 20.000 vehículos procedentes da AP-9, e das estradas de Vilagarcía, Sanxenxo, O Grove e o acceso de Poio. A nova infraestrutura unirá a avenida do Uruguai, na marxe esquerda do río Lérez, coa rúa de Domingo Fontán, na marxe dereita. Disporá dunha estrada de catro carrís e dúas plataformas laterais de catro metros e medio de ancho cada unha para o tránsito de peóns e carrís bici. As conexións coas marxes dos ríos realizaranse mediante rotondas.

    O proxecto de construción desta ponte conta cun orzamento de seis millóns de euros, financiados ó cincuenta por cento pola Xunta e o concello de Pontevedra. Segundo o alcalde, Miguel Ánxo Fernández Lores, trátase do mellor plan que puideron deseñar, no que os cidadáns tamén aportaron a súa visión.

    A conselleira de Política Territorial salientou que esta obra é un exemplo de colaboración institucional, que permitirá mellorar as comunicacións coa cidade e mellorar a calidade de vida dos seus habitantes. María Xosé Caride aproveitou este acto para anunciar outras actuacións que a Xunta levará a cabo na provincia de Pontevedra, como a mellora da estrada a Pontecaldelas ou a construción do enlace de Curro, na autovía de Vilagarcía, e o treito que completa a Variante a Marín.

    Redacción Salnés